Volve o Maratón Autonómico Urbano de Viveiro con catro carreiras e máis de 300 participantes

AMariñaXa
O Maratón Autonómico Urbano 2024 de Viveiro celebrarase o día 25 de maio no municipio.
maraton_urbano_viveiro
30 Abr 2024

O Maratón Autonómico Urbano 2024 de Viveiro celebrarase o día 25 de maio no municipio. O evento convocará, entre participantes e organización, a unhas 350 persoas. Este maratón está organizado por Special Olympics Galicia, promovido pola Asociación de Pais de Persoas Con Discapacidade Intelectual de Viveiro (ASPANANE), e coa colaboración da federación de asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual FADEMGA – Plena Inclusión Galicia, do Concello de Viveiro e da Deputación de Lugo.

O anuncio prodúcese logo dunha reunión que tivo lugar na Casa do Concello entre a alcaldesa, o xefe de Protección Civil local Manuel Expósito e máis varias persoas representantes da organización: a xerente de Aspanane, Elena Santos Cociña, a directora de Special Olympics Galicia, Eunice Mosquera, e o presidente desta mesma entidade Eladio Fernández Pérez.

“A inclusión no deporte e en todos os ámbitos da sociedade é unha prioridade para o Concello de Viveiro, polo que é unha honra para nós acoller a celebración deste evento tan importante e necesario”, sinala a rexedora María Loureiro. No maratón haberá catro carreiras coas distancias  de 4.000 metros, 1.500 metros, 800 metros e 300 metros. Todas as persoas participantes nas probas recibirán unha medalla como recoñecemento ao seu traballo e esforzo.

O evento ten como obxectivo ser unha competición igualitaria e normalizada, na que se reivindique que as persoas con discapacidade intelectual poden practicar deporte independentemente das súas capacidades. Busca, así mesmo, sensibilizar e concienciar á sociedade sobre esta cuestión. A chegada dos participantes a Viveiro está prevista para as 10.30 do 25 de maio. Ás 10.45 terá lugar o acto de inauguración e o desfile dos e das deportistas. O maratón será de 12.00 a 14.00 horas, momento no que terá lugar a clausura do evento.

0.14788699150085