Volve Cervo a carón do voluntariado coa súa quinta edición
O proxecto de Acción Voluntaria prolongarase desde o 15 de xuño ata o 1 de Outubro, cun máximo de 60 xornadas e 6 horas por día.
O Concello de Cervo, a través das delegación de Xuventude e Educación, que dirixen Denise Galán e Dolores García Caramés, respectivamente, vén de convocar o programa Cervo a carón do voluntariado V, dirixido á mocidade de entre 16 e 30 anos.
O obxectivo xeral do proxecto de voluntariado xuvenil é poñer en práctica a implicación solidaria e o compromiso activo da comunidade moza coa sociedade a través do desenvolvemento cultural e social.
Ábrese a convocatoria para todos aqueles mozos e mozas que queiran participar como voluntarios/as nas diferentes actividades previstas durante todo o verán. As persoas interesadas poden recibir máis información no teléfono 691 65 66 00 e deben presentar a súa solicitude na Casa da Cultura de San Ciprián.
O proxecto de Acción Voluntaria arrincará o 15 de xuño e prolongarase ata o 1 de Outubro, de xeito que cada voluntario ou voluntaria colaborará nas iniciativas propostas un máximo de 60 xornadas e 6 horas en cada unha.
As concelleiras destacaron a importancia deste programa á hora de dotar de ferramentas á xuventude que lle permita poñer en práctica valores tan importantes como a solidariedade e o compromiso coa sociedade.
Entre as actividades nas que as persoas inscritas desenvolverán o voluntariado están o apoio ás noites alternativas de verán o apoio no Programa Concilia –dirixido ás crianzas e que se desenvolve durante as vacacións de verán para favorecer a conciliación familiar-, a colaboración en diferentes actividades nocturnas de carácter cultural ou a adecuación de espazos do termo municipal en zonas de lecer para a mocidade.