Volve as actividades de verán de Ribadeo

AMariñaXa
Ribadeo ven de presentar as actividades que organiza para este verán e as inscricións ábrense o día 7 de xuño
actividades de veran Ribadeo cartel 2
3 Xuño 2021

Ribadeo ven de presentar as actividades que organiza para este verán e as inscricións ábrense o día 7 de xuño e deberán facerse na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), na Casa da Xuventude. Haberá Vacacións Activas, Ribadeo Mocidade Urbana e Conectividade en Ribadeo. En toda a programación terán preferencia as nenas e nenos empadroados e escolarizados en Ribadeo, con idades entre os 4 e 16 anos.

A concelleira de Igualdade, Ensino e Mocidade, Mariluz Álvarez Lastra, dixo: “queremos presentar as actividades deste verán 2021, despois da pandemia e da suspensión do ano pasado. Imos intentar facelas este ano de acordo co protocolo covid e tendo en conta as medidas hixiénico sanitarias que nos marquen no seu momento e que están vixentes no día de hoxe”.

A edil ribadense subliñou que “as actividades que están propostas para este ano, ademais dun compoñente moi importante como é o tema da conciliación, teñen un compoñente tamén moi relevante no que se refire ao aspecto do tempo de lecer, de ocio e tempo libre dos nosos rapaces e rapazas máis pequenos, pero tamén da xuventude do noso concello. Aspectos como a convivencia, a socialización, o traballo en equipo, a educación en valores e o desenvolvemento físico e emocional van ser as propostas que imos ofertar ao longo de todo o mes de xullo. Van ser levadas a cabo, como sempre, por persoal cualificado e monitores especializados e tendo en conta as ratios que establecen as medidas que no seu momento existan. Vanse levar a cabo ao longo de todo o mes de xullo, terán un carácter totalmente gratuíto e abarcarán desde os 4 ata os 16 anos. As rapazas e os rapaces van estar divididos evidentemente por tramos de idade, entón ofrecemos tres tipos de actividades”.

Álvarez Lastra explicou que “para os máis pequenos, entre os catro e os once anos, aqueles que son nacidos entre o ano 2009 e 2016, o programa que imos poñer en marcha é Vacacións Activas.

Van ser ao longo do mes de xullo, son catro semanas e o horario é entre as dez e as dúas da tarde, pero haberá un programa madrugador entre as nove e as dez da mañá para aquelas familias que teñan que deixalos antes de tempo. Cada semana contará con 50 prazas e nun primeiro momento, como é con carácter gratuíto e queremos dar cabida á maior cantidade de nenos e nenas posible, poderán apuntarse unha primeira semana. O prazo de inscrición para esta actividade é entre o 7 e o 15 de xuño presencialmente na Oficina de Información Xuvenil, non vale telefonicamente, hai que ir alí presencialmente. Unha vez que remate a inscrición, o día 17, aquelas persoas que o desexen van poder apuntarse a outras semanas se existen prazas valeiras”.

A concelleira de Mocidade sinalou que “o seguinte programa, que xa está destinado a rapaces e rapazas a partir de 12 anos, nós denominámolo Ribadeo Mocidade Urbana porque son actividades que van ser ao longo das mañás, entre as dez e as dúas da tarde, cunha duración dunha semana, entre o 19 e o 23 de xullo. Terán actividades como rap, skate, graffiti, parkour, todas aquelas que están un pouco de moda, hoxe en día, nos adolescentes. O terceiro programa, nós denominámolo Conectividade en Ribadeo, tamén está destinado para aqueles adolescentes maiores de 12 anos e vai ser entre as once e as dúas da tarde da semana do 12 ao 16 de xullo. Neste caso, os obradoiros xa están máis destinados a aquelas inquedanzas relacionadas co tema da adolescencia ou pre adolescencia, polo tanto, ademais de talleres de rap, fotografía e un escape room que imos facer, abordaranse temáticas tamén relacionadas coa diversidade funcional, coa sexualidade e coa educación, que nos parecen elementos claves e fundamentais nesta etapa do desenvolvemento”.

Mariluz Álvarez Lastra indicou que “avisamos que o prazo para comezar a inscribirse será a partir do día 7 deste mes, que se vai levar a cabo na Casa da Xuventude e que as actividades son totalmente gratuítas. Animamos a todas aquelas familias, adolescentes ou persoas que desexen participar que non dubiden en pasarse por alí, en informarse e desde logo a que participen porque, despois de tanto tempo de non poder facer actividades de tempo libre, nin de ocio nin de lecer, é un momento moi importante para poñer en marcha e garantir a nosa educación tanto física como emocional. É un momento de verán, de distensión, pero tamén é un momento para aprender, para educarnos e para compartir cos nosos compañeiros e coas nosas compañeiras e coñecer xente nova”. 

actividades de veran Ribadeo cartel
0.20301294326782