Volve ao aeródromo de Vilaframil a Ribadeo Air Meeting

AMariñaXa
Os participantes veñen de todas as provincias de Galicia, Asturias, País Vasco, Cantabria, entre outras
aeromodelismo-Ribadeo
2 Xul 2024

Os días 27 e 28 de xullo terá lugar no aeródromo de Vilaframil a Ribadeo Air Meeting, que organiza a Asociación de Aeromodelismo Nordés. Javier Cuba, o secretario do colectivo, explicou que son “85 os inscritos dos que 22 son socios nosos, os outros 63 chegan desde distintas comunidades e mesmo doutros países. Serán unhas 150 persoas, entre participantes e acompañantes, os que se acerquen a comer e a desfrutar desa fin de semana en Ribadeo. Moita xente acampará no lugar de vo e outra hospedarase en hoteis locais”.

Os participantes veñen de todas as provincias de Galicia, Asturias, País Vasco, Cantabria, Cataluña, Comunidad Valenciana, Andalucía, Madrid, Castilla La Mancha, Castilla y León, Canarias, Extremadura, Aragón e tamén de Portugal. “Mesmo vén un piloto desde Uruguay, que se trae o seu aeromodelo e o seu avión desde alí”. Os pilotos invitados este ano serán Martin Pickering, Raquel Bellot e está un 99,9 % confirmado Pedro Precioso, que xa veu o ano pasado. Virán tamén empresarios do sector do aeromodelismo desde Sevilla e Granada.

Javier Cuba subliñou que “está permitida la asistencia de público, sempre cumprindo as normas”. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, dixo que “desde o Concello colaboraremos coa celebración deste evento e apoiaremos a celebración destas espectaculares exhibicións, nas que se dan cita os mellores do mundo nesta práctica deportiva poñendo no mapa o nome de Ribadeo no estranxeiro e serve como apoio ao turismo, ao comercio e á hostalería”.

No acto de presentación participaron o alcalde, Dani Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, así como o presidente, o secretario e o tesoureiro da Asociación de Aeromodelismo Nordés, Francisco José González, Javier Cuba e Samuel Carlos Rodriguez.

0.21650886535645