Volve a Xira de Viveiro a Portochao da man de Pensamento e Sementeira
Co obxectivo de recuperar tradicións, festas e acontecementos esquecidos en Viveiro, Pensamento e Sementeira volve a celebrar unha gran festa que se foi perdendo co paso do tempo no municipio: A Xira. Deste xeito, o colectivo recupera así a Xira de Viveiro a Portochao, que será o vindeiro 17 de agosto e ofrecerá dous xeitos de participación. Unha das formas é a través dunha camiñata de balde duns 3,5 quilómetros aproximadamente pola beira do río Landro.
A saída será dende o aparcadoiro da variante ás 13.00. A outra opción é a través dunha ruta en kaiak. Os kaiaks son biplaza e poderán participar menores a partir dos 6 anos, que deberán ir acompañados dunha persoa adulta responsable. A saída realizarase dende a rampla do pavillón municipal ás 13.00 horas.
O prezo por socio será de 10 euros e para persoas non socias serán 15. Os interesados deden anotarse no formulario antes do 11 de agosto. Unha vez en Portochao, terá lugar un xantar popular na área recreativa que estará amenizado con música. Ademais, celebrarranse xogos tradicionais sobre as 17.00 horas.
A Xira era unha celebración que se organizaba no municipio ao estilo do Naseiro actual. O colectivo continúa así a dinamizar a oferta cultural e social da vila con propostas variadas nas que a tradición garda un oco especial. Entre as últimas iniciativas do colectivo encóntrase a Ruta das Herbas de San Xoán, un percorrido de 6 quilómetros aproximadamente no que explicaron a econoloxía do concello durante eses quilómetros compartidos pola natureza.