Volve a Burela o Torneo Marosa Cup para reunir a máis de 1.000 xogadores
O VIII Torneo Marosa Cup volve a Burela os días 22 e 23 de xuño reunindo a case70 equipos e máis de 1.000 xogadores de equipos procedentes de Lugo, Santiago, A Coruña, Ferrolterra, Asturias e, por primeira vez, de Cantabria. O torneo, xa consagrado como un referente a nivel provincial e autonómico, contará coa participación de 41 equipos na primeira xornada, adicada ó fútbol 8, e doutros 28 equipos no domingo, centrado no fútbol 11.
A cita, que se desenvolverá nas dúas instalacións deportivas de A Marosa, en Burela, e no campo de A Veiga, en San Cibrao, presentouse coa presenza da alcaldesa de Burela, Carmela López, o presidente da SD Burela, Jairo Campo, e membros da directiva. “Estamos encantados de poder sacar adiante outro ano máis o Marosa Cup, un evento que moitos equipos aproveitan para despedir a tempada vivindo unha experiencia cos seus nenos e nenas nun entorno espectacular como o que temos en Marosa”, apuntou o presidente da SD Burela, Jairo Campo, quen destacou que este ano se amplían equipos en tódalas categorías.
A alcaldesa, Carmela López, tamén agradeceu “o enorme labor da directiva da SD Burela para levar o evento adiante”, así como o traballo dos voluntarios, “fundamental para que todos poidamos disfrutar deste evento”. O edil de Deportes, Carlos Méndez, trasladou o desexo de que todos os participantes “leven un bo recordo deste evento” e de que os asistentes “pasemos unha boa fin de semana vendo xogar ós nenos e ás nenas ó fútbol”.