Voluntariado e deporte únense en Cervo para limpar as praias durante o Mes do Medio Ambiente

AMariñaXa
A praia da Caosa acolleu unha nova recollida de residuos, con participación veciñal e presenza institucional; a próxima acción será na Limosa este venres
Xornada-coida-cervo-2025-xuno
21 Jun 2025

O Concello de Cervo continúa coa súa programación especial con motivo do Mes do Medio Ambiente, promovendo accións de limpeza e sensibilización nas praias do municipio. Este sábado tivo lugar unha nova actividade na praia da Caosa, coa colaboración do Club Deportivo San Ciprián e o Club de Trail A Fume de Carozo, que xuntaron esforzos nunha xornada de voluntariado ambiental.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, e o concelleiro de Deportes, David Rodríguez, sumáronse tamén á iniciativa, que permitiu recoller unha importante cantidade de residuos, entre os cales destacaban as toallas húmidas. Dende o Concello aproveitaron para insistir na importancia de non tirar este tipo de produtos polo inodoro, xa que provocan graves danos nos ecosistemas mariños e no sistema de saneamento.

Esta campaña de concienciación busca non só mellorar o estado das praias cervenses, senón tamén fomentar a implicación cidadá na protección do entorno natural. “Grazas a todas as persoas e entidades que estades contribuíndo a facer de Cervo un lugar máis limpo e sostible”, manifestaron dende o goberno local.

A seguinte xornada está programada para o venres, ás 16:00 horas, na praia da Limosa. Nesta ocasión, contará coa colaboración do Club Limosa Surf e persoal da empresa Alcoa, e estará aberta á participación de toda a veciñanza que queira achegarse e sumar esforzos por unha contorna mellor.

⚙ Configurar cookies
0.15853118896484