Voluntariado e comunidade únense para revitalizar a Ponte Romana do Bao

A Ponte Romana do Bao volveu ser escenario dunha exemplar xornada de colaboración cidadá este pasado fin de semana. Promovida pola asociación veciñal Nosa Señora de Lieiro e enmarcada nun novo plan de acción de Alcoa, a actividade reuniu a persoas voluntarias co obxectivo de coidar e revalorizar este patrimonio histórico do municipio de Cervo.
Durante a xornada desenvolvéronse tarefas de limpeza, acondicionamento da contorna natural e traballos de mantemento como o lixado e pintado do mobiliario urbano situado na área da ponte medieval. A acción contou coa implicación activa da concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, que se achegou ata o lugar para agradecer persoalmente a colaboración da veciñanza e do voluntariado de Alcoa.
Dende o Concello subliñaron a importancia de sumar esforzos entre institucións, empresas e cidadanía para conservar e poñer en valor espazos con tanto significado histórico e natural. "Este tipo de accións amosan o compromiso da nosa xente coa preservación do patrimonio e coa mellora do entorno no que vivimos", destacaron.
A intervención reafirma o papel da sociedade civil na defensa e coidado dos elementos patrimoniais locais, e consolida a ponte do Bao como símbolo de unión, non só física, senón tamén social.