Vivo para aprender

AMariñaXa
Por Noelia Castro Aproximadamente sete segundos mais tarde de que alguén me pregunte a que me adico, sempre cae outro interrogante.
21 Nov 2019

Por Noelia Castro

Aproximadamente sete segundos mais tarde de que alguén me pregunte a que me adico, sempre cae outro interrogante. Senón directo, algo como “Xa, mentras que non opositas está ben”. Dando por feito algo que eu, ata o momento, nunca me plantexei para o futuro. Cabe afirmar que é ben certo eso de: nunca digas nunca, porque ata a temporada pasada, perxurei en arameo que non ía poñer endexamais mallas de ciclista, e a miña páxina de Instagram (@cienciascandil) da boa conta do contrario. Que se note ben o spam. Pero imos ao carozo.

Plenamente consciente de que detrás desa misiva, probablemente non se agochen malas intencións por parte do emisor. A miña profesión é moi fermosa, palabra. Pero é moi fermosa para min, non o sei para ti. Eu son das que pensan que debemos facer todo o posible por ser felices no noso traballo, por traballar con amor para conseguir cousas fermosas. O mundo está cheo de persoas que odian o seu traballo, que están desencantadas con el e eso é motivo de frustración e desencanto. Lía o outro día na biografía do actor Miguel Herrán un adaxio que non pode representarme mais: “ Vivo para rodar (en moto). Ruedo (películas) para vivir.” Levado ao meu terreo sería algo así como Vivo para aprender. Ensino para vivir.

Incontables os motivos polos que atopo apaixoante o feito de ser profesora particular. Estou moi preto de cada unha das miñas alumnas, teño a oportunidade de tratar diariamente con decenas de rapaces cheos de inquedanzas. E son capaz de acougar moitas delas, eso é o que me reconforta. O que leva máis de tres anos facéndome feliz. Cada alumno é un mundo, acoden a min alumnas e alumnos excepcionais, que veñen para lograr exprimir todo o seu potencial, con dúbidas moi avanzadas para a súa idade. Son eu a que conteño o sorriso por vela paixón que senten polas ciencias en cada pregunta. Con sede de máis. Persoas ás que cincuenta minutos de clase no instituto lles saben a pouco, que van a polo sublime. Coas que é moi doado traballar, porque adican parte das súas tardes a perfeccionar as asignaturas ás que lles queren adicar a vida.

Tamén acoden a min outros aos que lles custa unha miguiña mais, que precisan dun empurrón. Aos que é moi gratificante acompañar nos aprobados, e mesmo nas recuperacións. Porque cada aprobado é unha victoria. Non son das mestras que lles dan todo mastigado, xeneralizar aquí, como en todas partes, é moi feo. Invítoos a darlle á cabeciña, a ser teimudos e conseguir de por sí as respostas que andan buscando. Ensínolles a planificar o estudo, a levar as cousas ao día.

E por suposto, tamén os hai que veñen obrigados. Onde o mérito consiste en tratar de transmitirlles unha miguiña de paixón polo que fago, tratar de facer o trance levadeiro e lidiar coas ciencias dun xeito sano. Como ben dicía unha profe do meu colexio. “ Non todos imos a seguir o mesmo camiño” Tamén precisamos de xente de letras e de artes, para facer o mundo mais humano. Xente á que lle contemos que vimos Series de Fourier e nos pregunte se en Netflix ou en HBO.

Trato con familias que me confían unha parte da educación dos seus fillos e das súas fillas. Non só de maneira académica, porque acabo formando parte de moitas delas. Fai unha semana caíanme as bágoas falando cunha antiga alumna xa universitaria, futura enfermeira por vocación, pedíame se podía acudir a algunha clase para lembrar o ben que se sentía cada vez que entraba na Academia. Coido que é o mais fermoso que podía escoitar. En moitas ocasións acoden a min con dúbidas que nada teñen que ver coas Matemáticas, pero que os preocupan. Ven en min unha figura maior que está preto delas en momentos convulsos. Na transición á idade adulta, alguén a quen recorrer para cousas serias e outras que non o son tanto. Creo no poder sanador dun sorriso. Intermediaria entre nais e fillos. Porque carezo dun soldo fixo, porque me embarquei nun proxecto sen ningunha garantía de que fose a funcionar, pero que funciona e me fai moi feliz. Graciñas infinitas a todas as mestras que senten que remamos na mesma dirección e a todas aquelas familias que me converteron nunha mais ata invitarme ás patronais, porque que hai mais gratificante para unha galega?

0.1569139957428