Viveiro volverá ao século XVI co XVIII Mercado Renacentista

O centro histórico de Viveiro transformarase unha vez máis nun decorado renacentista con motivo da décimo oitava edición do seu xa emblemático Mercado Renacentista, que se celebrará entre os días 4 e 6 de xullo. Esta cita, consolidada como unha das propostas culturais máis destacadas do verán na Mariña lucense, encherá as rúas de vida e de actividade coa recuperación do espírito das feiras do século XVI.
Durante tres días, os visitantes poderán gozar dunha programación variada que inclúe espectáculos itinerantes, postos de produtos artesanais, representacións teatrais, exhibicións de antigos oficios e animación continua polas rúas. Non faltarán as actuacións nocturnas con lume e acrobacias, que ofrecerán un toque máxico ás noites viveirenses.
Un dos pratos fortes será, como cada ano, o Gran Desembarco de Carlos V, unha recreación histórica de gran formato que atrae a centos de persoas pola súa espectacular posta en escena e pola activa participación do tecido asociativo local.
A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, destacou a importancia desta celebración como motor cultural e económico: «O Mercado Renacentista é unha oportunidade para poñer en valor o noso patrimonio histórico e atraer visitantes que impulsan o comercio e a hostalaría da vila». Ademais, subliñou que o desembarco imperial é «un dos momentos máis esperados, que destaca pola súa espectacularidade e pola implicación veciñal».
A rexedora tamén quixo agradecer expresamente a colaboración dos viveirenses, que ano tras ano participan nesta festa histórica, tanto organizando actividades como formando parte das recreacións.
Con actividades pensadas para todos os públicos, o Mercado Renacentista promete volver a situar a Viveiro como referente cultural e turístico durante o mes de xullo, cunha ambientación que transportará a veciñanza e visitantes varios séculos atrás.