Viveiro únese ao Camiño de Santiago a Vela e recibirá a peregrinación mariñeira internacional o 20 de xuño

Viveiro vén de dar un paso adiante na súa estratexia de promoción turística e cultural ao sumarse oficialmente á Rede de Municipios do Camiño de Santiago a Vela, un proxecto pioneiro que recupera as rutas de navegación como forma de peregrinación ao Apóstolo. A alcaldesa, Mariña Gueimunde, participou recentemente en Xixón na sinatura do Protocolo de Colaboración, nun acto que reuniu representantes de concellos costeiros da España Verde, todos eles unidos polo obxectivo común de poñer en valor o patrimonio marítimo e impulsar a economía azul.
O acordo está promovido pola asociación sen ánimo de lucro Northmarinas, que leva anos traballando na creación dunha ruta marítima homologada cara a Santiago, con recoñecemento oficial da Catedral. Esta iniciativa encaixa á perfección cos obxectivos do goberno local de Viveiro, que aposta por un turismo sostible, de calidade e vinculado á identidade histórica da vila.
Neste contexto, o vindeiro venres 20 de xuño, Viveiro converterase en escala da travesía internacional “Navega el Camino”, unha singular peregrinación mariñeira que une distintos portos do Cantábrico ata chegar á costa galega. Durante esa xornada, a cidade acollerá aos participantes con diversos actos de benvida, incluíndo unha recepción oficial, unha visita guiada polos puntos de interese histórico e cultural, e actividades para compartir experiencias entre peregrinos e veciñanza.
Dende o Concello destacan que esta será unha oportunidade excelente para reforzar a posición de Viveiro como enclave estratéxico no mapa do turismo náutico e cultural. “Temos unha historia vencellada ao mar que debemos coidar e divulgar, e esta ruta permítenos facelo dunha maneira innovadora, conectando co espírito do Camiño”, sinalan fontes municipais.