Viveiro Tattoo Expo contará cunha gran afluencia de tatuadores nacionais e internacionais o 12 e 13 de abril

A Viveiro Tattoo Expo regresa este ano coas portas abertas para recibir a preto de 65 tatuadores de renome tanto a nivel nacional como internacional. O evento terá lugar os días 12 e 13 de abril no Pazo da Trave en Viveiro e promete converterse nun dos principais puntos de encontro para amantes da arte do tatuaxe. Organizado polo Viveiro Tattoo Studio, o evento contará cunha nutrida representación de profesionais do sector, incluíndo artistas de renome como Fredy Tomas Tattoo, de Murcia, quen conta cunha ampla base de seguidores nas súas redes sociais e que traballou con figuras do mundo da música pop. Tamén estarán presentes outros tatuadores destacados de diversos países, como Argentina, Italia ou Bélxica.
A exposición non se limitará só a grandes nomes do sector, senón que a súa principal intención é dar visibilidade a todos os profesionais da tatuaxe, independentemente da súa notoriedade, proporcionando un espazo onde intercambiar coñecementos e experiencias. Entre os artistas que participarán, destacan tamén nomes como Rodrigo Kalaka, Bara, Gonzalo Muñiz, Javi Castaño, Colo López, Mikele, Carolina Ángel e Brujo, entre outros.
A Viveiro Tattoo Expo busca tamén sensibilizar sobre a cultura da tatuaxe na Mariña Lucense, fomentando o interese por esta arte e ofrecendo un espazo único para a súa promoción. Durante os dous días de evento, os asistentes terán a oportunidade de gozar dunha gran variedade de propostas e estilos de tatuaxe, ademais de interactuar cos artistas e aprender máis sobre o oficio.