Viveiro solicita á Deputación máis de 350.000 euros para renovar pavimentos e servizos en Covas

AMariñaXa
O Concello presenta ao Plan Deputación 2026 un proxecto integral de mellora urbana e reforza a súa aposta polos servizos sociais e a administración electrónica
casa-do-concello-de-viveiro
10 Feb 2026

O Concello de Viveiro vén de presentar á Deputación de Lugo, no marco do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2026, unha solicitude de financiamento para executar un ambicioso proxecto de reposición de pavimentos e renovación de servizos na zona de Covas. A actuación ten como obxectivo mellorar o estado das rúas, modernizar as infraestruturas básicas e reforzar a seguridade viaria nunha das áreas máis transitadas do municipio.

O proxecto conta cun orzamento total de 375.400,85 euros. Deste importe, o Concello solicita á Deputación unha achega de 356.825,15 euros, mentres que os 18.575,70 euros restantes serían asumidos con fondos municipais.

As actuacións previstas inclúen a reposición do pavimento en numerosas rúas e travesías de Covas, entre elas a Travesía de Cantarrana, a Travesía Pernas Peón, a rúa Vila de Ribadeo, a avenida de Vilalba, as rúas Vila de Mondoñedo, Cidade de Ortigueira, Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Pascual Veiga, Castelao, Alexandre Bóveda e Cantarrana.

O proxecto contempla tamén a renovación das redes de pluviais e saneamento na Travesía de Cantarrana e na Travesía Pernas Peón, así como a reposición da rede de abastecemento de auga nun tramo da avenida de Vilalba. Ademais, instalarase nova sinalización horizontal en todas as vías nas que se interveña, co fin de mellorar a ordenación do tráfico e a seguridade dos peóns e vehículos.

Xunto a esta iniciativa, o Concello de Viveiro incluíu na súa solicitude ao Plan Deputación 2026 unha axuda destinada á administración electrónica por un importe total de 63.174,85 euros, dos cales 43.174,85 euros corresponderían á achega da Deputación.

Por último, tamén se solicitou financiamento para o Servizo de Axuda no Fogar de libre concorrencia, cun custe total de 300.000 euros, dos que 200.000 euros se pediron á Deputación e os 100.000 euros restantes serían achegados polo Concello, co obxectivo de garantir a atención ás persoas en situación de dependencia.

⚙ Configurar cookies
0.084711074829102