Viveiro solicita á Deputación de Lugo medidas para reducir a velocidade en tres vías provinciais

AMariñaXa
O Concello pide actuacións en Area, Galdo e na zona do cine para mellorar a seguridade viaria e atender as queixas veciñais pola circulación excesiva
casa-do-concello-de-viveiro
Actualizada el 18 noviembre 2025, 09:12 horas
10 Nov 2025

O Concello de Viveiro remitiu á Deputación de Lugo unha nova solicitude na que reclama a instalación de dispositivos de redución de velocidade en tres estradas de titularidade provincial que atravesan o municipio. O obxectivo, segundo explican desde o goberno local, é reforzar a seguridade viaria e garantir que os condutores moderen a velocidade nos tramos con maior densidade de tráfico.

As zonas afectadas son o treito da estrada LU-P-6606 en Area, comprendido entre o establecemento Louzao e a igrexa; a LU-P-6601, á altura do antigo cine; e o lugar da Feira, en Galdo, nas vías LU-P-6602 e LU-P-6608. Estes puntos, sinala o Concello, rexistran unha circulación constante e, nalgúns casos, os vehículos superan con frecuencia os límites de velocidade, o que provoca preocupación e malestar entre os veciños.

No caso de Galdo, o Concello lembra que xa remitira o pasado 1 de abril unha petición acompañada de información gráfica para que se revisase a zona, sen que ata o momento se recibise resposta. A alcaldesa, Mariña Gueimunde, asinou agora unha nova solicitude na que insta á Deputación a realizar os estudos técnicos precisos e adoptar medidas efectivas que garantan a seguridade e reduzan a velocidade nos tres tramos mencionados.

⚙ Configurar cookies
0.070840835571289