Viveiro sae á rúa contra o colapso sanitario na Mariña

AMariñaXa
A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia o colapso asistencial pola falta de persoal médico e anuncia unha campaña informativa nos centros de saúde
Manifestacion-Viveiro-sanidade-maio-2025
15 May 2025

Centos de persoas reuníronse este xoves diante do Centro de Saúde de Viveiro para protestar contra a situación crítica que vive a sanidade pública na Mariña, e en particular no municipio viveirense. A mobilización foi convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña, que alerta dun déficit alarmante de profesionais médicos: actualmente, a atención primaria no centro viveirense conta con case a metade da dotación habitual de facultativos, e o servizo de pediatría tamén está operando ao 50% da súa capacidade dende hai xa meses.

Esta escaseza de persoal médico está a provocar tempos de espera desproporcionados para unha simple consulta de medicina de familia. “Hai xente que leva vinte días agardando por unha cita ordinaria, cando o máximo deberían ser 48 horas”, denuncia o colectivo convocante. A situación tamén afecta con forza os concellos limítrofes de Ourol e O Vicedo, onde en moitas xornadas non hai ningún médico/a dispoñible, limitándose a atención sanitaria ás urxencias que se derivan ao centro de referencia.

Samuel Bouza, veciño de Viveiro e membro activo da Plataforma Sanitaria, foi claro na súa intervención: “A veciñanza non pode continuar soportando esta carencia crónica de persoal médico, que non só atenta contra o dereito á saúde, senón que está a xerar un sufrimento innecesario entre a poboación”. Bouza sostén que a crise sanitaria non é froito da casualidade, senón das políticas sistemáticas de desmantelamento da sanidade pública por parte da Xunta.

Durante a concentración, a Plataforma repartiu unha folla informativa na que, segundo explican, se desmontan algunhas das “grandes mentiras repetidas polo Partido Popular ata a saciedade nos medios e nas redes”. Entre outras afirmacións rebatidas, citan o compromiso incumprido de “non eliminar a área sanitaria da Mariña” pouco antes de consumar a súa desaparición, ou a promesa de que esa medida traería “máis e mellores servizos” ao territorio.

Montse Porteiro, coordinadora da Plataforma Sanitaria da Mariña, anunciou que o colectivo comezará nos vindeiros días unha campaña itinerante por todos os centros de saúde da comarca. O obxectivo é informar directamente á cidadanía e entregar esta folla explicativa a toda a veciñanza mariñá. “Imos desmontar, unha por unha, todas as falacias coas que o PP foi intoxicando á sociedade durante anos. Por desgraza, agora a xente está comprobando na súa propia pel que levamos máis dunha década advertindo”, afirmou Porteiro.

A protesta de hoxe súmase a unha longa serie de mobilizacións que a comarca vén protagonizando desde hai anos para denunciar o deterioro progresivo do sistema sanitario público. A Plataforma insiste en que non deixará de loitar ata recuperar unha atención digna e próxima para toda a poboación da Mariña.

⚙ Configurar cookies
0.15921306610107