Viveiro restrinxe temporalmente o uso da auga da traída e prohíbe o baño en varias praias por unha vertedura no río Landro

O Concello de Viveiro vén de aplicar un protocolo de precaución sanitaria tras detectarse unha vertedura no río Landro. A alcaldesa emitiu un bando no que se anuncian restricións no uso da auga da rede municipal de abastecemento, así como a prohibición provisional do baño en varias praias do municipio, co obxectivo de protexer a saúde da cidadanía mentres non se dispoña de resultados analíticos definitivos.
No documento oficial infórmase de que non se debe empregar a auga da traída para beber, cociñar, lavar alimentos nin para a hixiene bucodental, pero si se permite o seu uso para duchas, lavado de mans e tarefas domésticas de limpeza. A medida, tal como subliña o Concello, é soamente preventiva, xa que o subministro está garantido e non hai indicios de que a auga non cumpra cos estándares de calidade, mais optouse por actuar con cautela ata confirmar plenamente os datos analíticos.
Xunto a estas restricións, o goberno local tamén prohibe de forma temporal o baño nas praias de Covas, Celeiro e Seiramar, como parte das accións de prevención. Nestes areais colocarase sinalización específica e recoméndase á veciñanza seguir as indicacións das autoridades ata novo aviso.
Desde o Concello insisten en que se trata dunha actuación coordinada coa empresa concesionaria do servizo de augas, Viaqua, así como coa Consellería de Sanidade e os servizos de emerxencias, co obxectivo de avaliar a situación con rigor e actuar con dilixencia. Tamén se comprometen a informar puntualmente á poboación sobre a evolución dos feitos e a retirada das medidas en canto sexa posible.