Viveiro reforza con dous socorristas os seus servizos para manter os areais

AMariñaXa
 O Concello de Viveiro reforza os seus servizos para manter os areais do municipio en óptimas condicións durante o período estival
praia de seiramar viveiro
16 Xul 2021

 O Concello de Viveiro reforza os seus servizos para manter os areais do municipio en óptimas condicións durante o período estival, co fin de garantir a calidade das súas praias e cumprir as medidas establecidas para a prevención da COVID-19.

Neste sentido, cabe destacar que o goberno local reforzou os servizos de limpeza, sobre todo en aseos e duchas, ao tempo que se instalou a carteleira informativa, tanto nos paseos como nos accesos ás praias, para lembrar a normativa sanitaria. 

Entre as medidas a cumprir, dende o goberno municipal quérese facer fincapé na necesidade de gardar a distancia de seguridade. Ademais, cómpre utilizar a máscara nas entradas e saídas das praias, así como cando se estea con persoas non conviventes, sempre que non se poida manter a distancia interpersoal.

Asemade, as praias de Area e Covas contarán con servizo de socorrismo de 12:15 a 19:45. Igual que os restantes municipios galegos, o Concello de Viveiro tamén tivo dificultades para poder contratar socorristas, indicando, neste senso, que se continúa buscando persoal para ampliar este servizo.

Calidade dos areais de Viveiro

Cómpre lembrar, finalmente, que as praias de Viveiro destacan pola calidade das súas augas e servizos, contando con certificacións e recoñecementos que avalan esta calidade. As praias de Area e Covas contan coa bandeira Q de Calidade Turística, que é unha distinción que o “Instituto para la Calidad Turística” outorga todos os anos ás praias e instalacións náutico-deportivas que rozan a excelencia. 

Na praia de Area ondea, ademais, a Bandeira Azul, un distintivo recoñecido por millóns de usuarios en case medio centenar países, para o que se esixe o cumprimento dunha serie de requisitos de legalidade, accesibilidade, sanidade, educación ambiental, limpeza e seguridade.

Finalmente, como novidade, é preciso recordar que este ano, o Concello de Viveiro se sumou á Rede galega de praias sen fume coa incorporación á rede das praias de Covas e Area, co obxectivo de promocionar unha vida sen tabaco e promover praias que respecten e coiden o medio ambiente.

0.20111513137817