Viveiro reforza as restricións aos patinetes eléctricos para protexer aos peóns

O Concello de Viveiro vén de facer pública unha advertencia formal á cidadanía a través dun bando municipal, no que insiste na prohibición de circular con patinetes eléctricos por beirarrúas, zonas peonís, paseos marítimos, travesías e o casco histórico da vila. A medida busca garantir a seguridade dos viandantes e preservar os espazos públicos destinados ao uso exclusivo das persoas.
A alcaldesa de Viveiro, María del Carmen Gueimunde, sinalou que “ante a elevada presenza de patinetes eléctricos que transitan a diario a gran velocidade por zonas nas que teñen expresamente prohibido circular, vémonos na obriga de reforzar esta mensaxe para evitar riscos innecesarios e manter a seguridade cidadá”.
O Executivo local lembra que esta prohibición non responde a unha decisión arbitraria, senón ao cumprimento estrito da normativa estatal de tráfico e seguridade viaria. Entre os preceptos legais que avalan esta medida destacan:
O artigo 25.5 do Real Decreto 6/2015, que veta expresamente a circulación de patinetes por beirarrúas.
O artigo 38.4 do Regulamento Xeral de Circulación, que impide o uso destes vehículos en travesías, vías interurbanas, túneles urbanos, autoestradas e autovías situadas dentro de núcleos urbanos.
O artigo 76 do mesmo Real Decreto, que cualifica como infracción grave o incumprimento destas normas, o que pode derivar en multas de ata 200 euros, segundo se recolle no artigo 80.
A rexedora apelou á responsabilidade individual e colectiva da veciñanza e advertiu que “o incumprimento destas normas será considerado unha infracción grave e poderá supoñer unha sanción económica de ata 200 euros”.
Dende o Concello de Viveiro insístese en que o obxectivo último desta regulación é garantir a seguridade das persoas e manter unha convivencia harmónica e ordenada nos espazos comúns. Por iso, faise un chamamento ao cumprimento estrito da normativa vixente.