Viveiro reforza a súa colaboración coa Xunta para mellorar a xestión da auga e previr inundacións

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Viveiro, María Gueimunde, mantiveron este venres un encontro no que analizaron vías de colaboración para avanzar en distintos proxectos relacionados coa mellora da xestión da auga no municipio.
Entre as principais necesidades expostas polo Goberno local figura a renovación das tubaxes que conectan a estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Landrove coa estrada LU-540, co obxectivo de garantir un abastecemento máis eficiente aos núcleos próximos. A rexedora explicou que o anterior Executivo municipal non deixou elaborado o proxecto necesario, polo que solicitou a colaboración da Xunta para desbloquear a actuación.
Ángeles Vázquez comprometeuse a que Augas de Galicia redactará o proxecto técnico e participará posteriormente na súa execución, co fin de acelerar os trámites e dar resposta ás necesidades da veciñanza canto antes. Ademais, abordouse a importancia de seguir mellorando o sistema de saneamento municipal, reducindo as infiltracións de auga salgada e os vertidos de orixe industrial, para cumprir cos estándares ambientais vixentes.
Outro dos puntos centrais da reunión foi a axilización da firma dun convenio entre Xunta, Concello e Deputación de Lugo para levar a cabo obras estruturais no río Fontecova. A intervención, cun orzamento próximo ao millón de euros e financiada en parte con fondos europeos NextGeneration, busca incrementar a capacidade hidráulica do leito ao seu paso pola Tafona, unha zona que sofre frecuentes inundacións.
A actuación afectará un treito de 280 metros dentro da área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) e os traballos desenvolveranse entre este ano e o vindeiro.
A conselleira reiterou o compromiso do Goberno galego de seguir apoiando técnica e economicamente aos concellos, destacando que Augas de Galicia xa investiu máis de 9 millóns de euros en Viveiro desde o ano 2009 para mellorar as infraestruturas hidráulicas.