Viveiro recupera o Pregón do Entroido como acto inaugural da festa en 2026

AMariñaXa
Perfecto Parapar Trasancos será o encargado de abrir a programación cun acto de recoñecemento á tradición popular
Perfecto-Parapar
6 Feb 2026

O Concello de Viveiro recuperará este ano o Pregón do Entroido, unha tradición histórica que formou parte da identidade desta celebración no municipio e que volverá situarse como acto inaugural da programación. O pregón terá lugar no Teatro Pastor Díaz e servirá para dar comezo oficial ao Entroido 2026 o xoves 12 de febreiro, ás oito da tarde.

Nesta edición, o encargado de pronunciar o pregón será Perfecto Parapar Trasancos, veciño de Viveiro cunha fonda vinculación ao Entroido e cunha relación continuada coa festa ao longo dos anos. O acto poñerá o acento no recoñecemento da participación, do compromiso persoal e da implicación da veciñanza na conservación dunha tradición popular que se mantivo viva grazas ao esforzo colectivo.

O Entroido de Viveiro conta cunha historia moi arraigada e desenvolveuse tradicionalmente a través de distintas formas de celebración. No ámbito rural, a festa mantívose viva en parroquias como Landrove, Galdo, Valcarría, Magazos ou San Pedro, mentres que na zona urbana combináronse actos en casinos e salóns de baile con celebracións na rúa. Datas sinaladas como os Xoves de Comadres e Compadres, o Domingo e o Martes de Entroido, o Martes Gordo ou o Enterro da Sardiña marcaron durante décadas o calendario festivo, ao que nalgúns períodos se sumou tamén o Domingo de Piñata, antes da Coresma.

As comparsas e as murgas tiveron un papel destacado ao longo do tempo, con acompañamento musical e coplas satíricas cargadas de crítica social e política. Xa nos anos sesenta, grupos de veciños impulsaron a recuperación da festa na rúa, garantindo a súa continuidade nas décadas seguintes.

Na actualidade, o Entroido de Viveiro conserva sinais de identidade propias, como o Enterro da Sardiña, no que os participantes se visten con sabas brancas, ou as tradicionais Alpuxarradas no Teatro Pastor Díaz. O Concello quere agradecer expresamente ás comparsas, colectivos e persoas que, ano tras ano, manteñen vivo o espírito do Entroido, facendo da sátira, do humor e da participación veciñal a esencia desta celebración.

⚙ Configurar cookies
0.081679821014404