Viveiro recupera a tradición do Día das Tortillas cunha gran festa no parque Pernas Peón

A Comisión das Festas Patronais de Viveiro organiza o vindeiro domingo 6 de abril unha gran xornada festiva no parque Pernas Peón para conmemorar o tradicional Día das Tortillas. O obxectivo desta iniciativa é revitalizar unha celebración con fondas raíces no municipio e fomentar a participación veciñal.
Entre as actividades programadas destaca o I Concurso Popular de Tortillas Viveiro en Festas, que permitirá aos asistentes demostrar as súas habilidades culinarias. A inscrición estará aberta dende as 12:00 horas, momento no que os participantes deberán rexistrar a súa receita indicando os ingredientes utilizados.
A festa continuará cunha sesión vermú amenizada polo Dúo Vivarium, que comezará ás 13:30 horas. Xa pola tarde, ás 17:00 horas, darase a coñecer o fallo do xurado e proclamarase ao gañador do concurso.
Para aqueles que non desexen levar a súa propia comida, a Comisión de Festas, en colaboración co restaurante local La Tortilla Maravilla, ofrecerá á venda tortillas en diferentes variedades: de chourizo (17 €), con cebola e sen cebola (15 €). Poderanse reservar ata o xoves 3 de abril a través de WhatsApp no teléfono 614 19 19 62. O propio día do evento tamén haberá opción de mercar racións no recinto.
Desde a organización destacan a importancia desta festividade para Viveiro: "O Día das Tortillas ten unha longa tradición na vila, pero nos últimos anos viamos como perdía presenza. Con esta iniciativa queremos animar á veciñanza a volver aos parques e áreas recreativas para celebralo en compañía de familiares e amigos".
Ademais, a Comisión sinala que a celebración deste evento segue a filosofía de recuperar as festas locais: "Un dos nosos propósitos como asociación é poñer en valor as tradicións viveirenses. Tras o éxito da Festa do Antroido, consideramos que era o momento de darlle un novo impulso ao Día das Tortillas".
