Viveiro recibe preto de 48.000 euros para impulsar a reactivación da Praza de Abastos

AMariñaXa
A subvención da Xunta permitirá redactar o proxecto de revitalización, ofrecer formación aos placeiros e avanzar cara a unha rehabilitación integral no centro histórico
Praza-Abastos-Viveiro
22 May 2025

O Concello de Viveiro acaba de obter unha achega económica de 47.702,40 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia destinada a dinamizar e revitalizar a Praza de Abastos. Esta axuda, que se repartirá entre o presente ano (19.727,20 €) e o 2026 (27.975,20 €), supón un importante impulso para un espazo que o actual goberno local considera estratéxico na vida comercial e social do municipio.

A alcaldesa, Mariña Gueimunde, xa adiantara na rolda de prensa do pasado 16 de maio que a reactivación da praza constitúe unha das principais prioridades do executivo municipal: «Temos interese en que volva a ser a que foi, porque está no corazón de Viveiro», declarou, apostando por recuperar o comercio de proximidade e a esencia do mercado tradicional.

O importe concedido permitiralles ao Concello e aos praceiros avanzar conxuntamente na redacción do proxecto de rehabilitación, ao tempo que contempla tamén accións de formación dirixidas aos actuais vendedores. Ademais, a partida inclúe os custos da dirección de obra, paso necesario para preparar o terreo de cara á futura intervención arquitectónica.

Mentres non se acomete a reforma integral, que se prevé para o vindeiro exercicio, o Concello mantén aberta a licitación de postos para reactivar a actividade do mercado e darlle vida a un espazo que forma parte da identidade viveirense.

⚙ Configurar cookies
0.13294792175293