Viveiro recibe á nena saharauí acollida gracias ao programa Vacacións en Paz
A concelleira de Benestar Social do Concello de Viveiro, Victoria Baamonde, recibiu á nena saharauí acollida pola familia de Ana Mejuto Esmorís. A menor forma parte do programa Vacacións en Paz, no que o Concello de Viveiro participa dende 1996.
O programa, que acaba de reactivarse tras dous anos de parón pola pandemia, consiste na acollida de nenos e nenas saharauís por parte de familias residentes en España durante o verán.
A nena, de sete anos, procedente do campamento de Aaiun, acudiu á recepción acompañada de Ana Mejuto Esmorís, cuxa familia a acolle durante estes meses.
“Dende o Concello de Viveiro agradecemos o labor da familia de Ana, comprometida dende hai anos con este programa, que permite axudar aos nenos e nenas saharauís”, subliña a concelleira de Benestar Social, Victoria Baamonde. As estancias coas familias de acollida permiten facilitar á rapazada atención sanitaria completa, entre outros aspectos esenciais.
Durante a recepción, o Concello de Viveiro agasallou á nena con material escolar. “Agardamos que a pequena pase unha feliz estancia na nosa vila e que o Concello continúe formando parte deste programa nos próximos veráns”, engade a edil.