Viveiro queda sen O Naseiro: “É unha mágoa que se poña en risco unha festa tan emblemática"
Viveiro quedará este verán sen a romaría do Naseiro, unha das citas máis emblemáticas e consolidadas no municipio. A comisión encargada de celebrar a Romaxe do Bo Xantar renuncia despois de anos a cargo da organización desta celebración, declarada de Interese Turístico Nacional dende o 1967, e que forma parte da historia viva do concello tras xuntar a varias xeracións en cada unha das súas edicións. Tal e como explicaron a través das súas redes sociais, abandonan, principalmente, “polas complicacións nos permisos da Xunta de Galicia, Augas de Galicia, etc. que cada vez prohibían máis, que levan anos dicíndonos que alí non se pode seguir facendo a nosa festa e esixindo mil responsabilidades”.
Ademais, lamentan “a falta de empatía dos romeiros e romeiras, os ataques de que todo o facíamos mal e que e que eles o farían mellor, das esixencias e denuncias dalgún propietario... E agora seguen atacando, case un ano despois de anunciar que non seguiamos, que se non se fai, se non aparecen voluntarios”. Con respecto ao papel do Goberno local, que este ano non colabora economicamente, aseguran que se se quere manter viva a romaría, o pobo tamén terá que implicarse. “Se hai miles de persoas esixindo unha festa, algún voluntario tería que aparecer, e non esixirllo a un Concello que non pode pagar festas este ano. Porque dixemos de non seguir sendo a comisión moito antes de que o Concello anunciase que non podía axudar para as festas no 2024, o resto de anos colaborou, así que non se lle pode botar toda a culpa tampouco”.
Dende o PP local destacan a importancia de manter no calendario unha das citas con máis arraigo entre os viveirenses que aglutinaba durante cinco días música, gastronomía, bo ambiente e, sobre todo, moita tradición que se remonta aos tempos da República. “O que non se pode facer é perder ou arriscar unha festa coma o Naseiro, que non é unha festa calquera, hai que seguir apostando por ela dende todas as institucións e sobre todo dende o propio Concello que é o máximo interesado en que se siga potenciando e se siga desenvolvendo”, asegura a portavoz do PP local, Mariña Gueimunde.
“É unha mágoa, é lamentable que poñan en risco unha festa como é o Naseiro, tan emblemática no noso pobo e que tanta xente arrastra de todas as idades porque ten moito público”, lamenta Gueimunde que culpa a “lamentable xestión” por parte do Goberno municipal. “Son 21 anos de Goberno e é un suma e segue e a burbulla acaba de estoupar. Lonxe de apostar pola festa, volve unha vez máis, a improvisación, o mal facer e deixar que outros levan as culpas como o presuposto. O ano pasado non había presuposto, xa que estaba prorrogado, e desfrutamos do Naseiro. Durante anos, dende o 2008 ata o 2012, os presupostos estaban tamén prorrogados e houbo Naseiro”.
Outra das celebracións que tamén estivo a piques de desaparecer foi a Feira de Galdo con máis de tres séculos de historia e da que se encargaba a asociación de veciños, coa colaboración do Concello de Viveiro, que non puido asumir o custo íntegro da súa organización e que pasou a mans da Asociación de Cabaleiros do Landro. “Teñen que manter o que é importante para Viveiro. Xa non digo que faga unha comisión o Concello, que tamén no seu día organizou o Naseiro, pero hai que ter unha previsión, pedir unha documentación e solicitar os permisos en previsión de que apareza unha comisión, pero nin sequera fan ese traballo. Porque xa tiñan todo pensado e repensado. Impórtalles moi pouco Naseiro, As Maulas e todo o que acontece”, asegura a voceira popular.