Viveiro publicou as bases do IV Premio de Novela Vilar Ponte
O Concello de Viveiro publicou as bases do IV Premio de Novela Vilar Ponte, un certame que naceu coa finalidade de lembrar aos escritores Antón e Ramón Vilar Ponte e, asemade, apoiar e difundir a literatura en lingua galega.
“Dende o Concello de Viveiro animamos a todos os escritores e escritoras a participar neste premio, que se quere consolidar dentro do escenario da literatura galega”, afirma a alcaldesa, María Loureiro.
Como en anos anteriores, tanto a extensión como a temática das obras é libre e cada orixinal será presentado en catro copias en papel, sen sinatura pero con título e lema en sobre pechado.
O prazo de presentación acabará o próximo 30 de xuño e o lugar para enviar os orixinais será o Concello de Viveiro. Haberá un primeiro premio de 4.000 euros e un segundo de 1.000 euros, coas súas correspondentes pezas de cerámica e diplomas. O acto de entrega será no Teatro Pastor Díaz.
Na primeira edición o gañador do certame foi Adolfo Caamaño, coa obra Matar o heroe, e na segunda edición resultou gañadora Natalia Carou Figueira, con O mal querer. En 2020 o premio non se convocou por mor da pandemia da COVID19 e, na pasada edición, o premio quedou deserto por decisión motivada do xurado.
Bases completas en www.viveiro.es