Viveiro promociona o Camiño do Mar na Confraternity of St. James de Londres
O Concello de Viveiro, a través da concellaría de Turismo, púxose en contacto coa prestixiosa Confraternity of St. James para promocionar Viveiro e o Camiño do Mar entre os seus membros.
A concelleira de Turismo, María Soledad Rey Yáñez, foi a encargada de manter un primeiro contacto coa confraternidade para explicarlles a existencia do Camiño do Mar, facilitando información sobre a súa historia e o seu percorrido. Aproveitou a ocasión para falarlles tamén dos recursos turísticos de Viveiro e do resto da comarca da Mariña, así como da Semana Santa de Viveiro, declarada de interese turístico internacional.
Finalmente, o Concello de Viveiro convidou á Confraternidade de St. James a visitar Viveiro, cando fose posible en función da súa disponibilidade, para amosarlles de primeira man esta ruta do Camiño do Mar e todo o que Viveiro pode ofrecer ao visitante.
A Confraternidade de St. James foi creada en 1983 en Londres por seis persoas que compartían a súa paixón pola peregrinación a Santiago. Na actualidade está formada por máis de 1.500 membros e dedícase a organizar diversos actividades e eventos ao longo de todo o ano co fin de promocionar as Rutas Xacobeas e apoiar aos peregrinos que viaxan a Compostela.
Ademais, a Confraternidade de St. James conta con dous albergues de peregrinos no Camiño, posúe un sitio web enciclopédico e dispón dunha ampla biblioteca sobre a peregrinación e o Apóstol.