Viveiro presenta unha programación cultural e reivindicativa para conmemorar o 25N

AMariñaXa
O concerto "Melodías contra o silencio" e diversos actos Institucionais centrarán unha data dedicada á loita contra a violencia machista
25N
19 Nov 2025

O Concello de Viveiro deu a coñecer esta mañá a programación preparada con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Entre as iniciativas anunciadas destaca o concerto "Melodías contra o silencio", organizado polo propio Concello e interpretado polos grupos de adultos do Conservatorio Profesional de Música. A actuación terá lugar o sábado 22 de novembro, ás 20:30 horas, no Teatro Pastor Díaz.

As actividades continuarán o martes 25 de novembro cun acto institucional no que, ás 11:00 horas, se gardará un minuto de silencio en memoria das vítimas e se procederá á lectura do manifesto oficial. A continuación inaugurarase unha exposición fotográfica e desenvolveranse varios obradoiros na Biblioteca Municipal de Viveiro, con sesións abertas ao público de 12:30 a 13:30 e de 18:00 a 19:00 horas.

Na presentación da programación participaron a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde; a concelleira de Cultura, Saray Ventura; o director do Conservatorio Profesional de Música, Antonio José Álvarez; e membros dos grupos de adultos do Conservatorio, responsables do concerto previsto para este sábado.

Gueimunde destacou a relevancia desta data e agradeceu o compromiso de todas as entidades implicadas. “Viveiro convértese estes días nun espazo de reivindicación, memoria e acción colectiva fronte á violencia machista. Queremos que toda a cidadanía se sinta parte desta loita, que é social e transversal”, sinalou. Engadiu ademais que “o Concello aposta por unha programación que combine arte, música e reflexión, porque a cultura é unha ferramenta poderosa para educar e transformar”.

Pola súa parte, Saray Ventura puxo en valor “o traballo e a ilusión dos grupos participantes nunha iniciativa que se converte nun símbolo de unidade fronte a todas as formas de violencia contra as mulleres”.

⚙ Configurar cookies
0.070164918899536