Viveiro presenta a súa programación para o Entroido 2025

AMariñaXa
As festas comezarán o 1 de marzo co tradicional certame de Alpuxarradas e culminarán o 5 de marzo co Enterro da Sardiña
entroido-viveiro-cartel-2025
22 Feb 2025

O Concello de Viveiro presenta a súa programación completa para o Entroido 2025, que comezará o 1 de marzo co tradicional certame de Alpuxarradas.

Ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz celebraranse as Alpuxarradas como todos os anos, sendo necesario inscribirse previamente chamando ao teléfono 982 560 162.

As entradas para asistir ao evento, cun custe de 2€, poden ser reservadas dende o día 25 ata o 28 de febreiro de chamando ao mesmo número ou no correo electrónico rbg.cultura@viveiro.es

Nos días seguintes haberá diversas actividades, ata o chegar o martes 4 de marzo ao desfile de entroido e o concurso de disfraces. O prazo de inscrición para o desfile está aberto ata o 28 de febreiro no rexistro ou na sede electrónica do Concello.

Finalmente, a programación rematará o mércores 5 de marzo co Enterro da Parrocha infantil ás 18:30 na rúa Pastor Díaz e o Enterro da Sardiña ás 21:00 na praciña da Herba.

A Concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, convida a toda a veciñanza "a asistir un ano máis ás celebracións do noso Antroido, unhas datas moi especiais para Viveiro que estarán cheas de actividades e diversión".

COMISIÓN DE FESTAS

A nova Comisión de Festas de Viveiro presentou a súa Festa de Antroido 2025 para recadar fondos de cara á celebración das festas patronais.

O evento terá lugar o día 3 de marzo nos xardíns Noriega Varela, no marco das celebracións do Entroido no municipio. A apertura de portas será ás 20:00.

Haberá cea ás 21:30, e, a continuación, un concurso de disfraces e mais baile, amenizados ambos por Juanjo Music. O Concello colabora aportando a carpa para a celebración.

Será a primeira destas festas organizada pola Comisión Viveiro en Festas, creada recentemente por xente nova da localidade para organizar as festas patronais logo de varios anos nos que esta responsabilidade recaeu no Concello.

Aínda hai prazas dispoñibles, polo que será posible inscribirse na cea ata o martes 25 de febreiro contactando co número de teléfono 614 191 962. A entrada no baile será libre a partir das 00:00.

As entradas poderán ser adquiridas fisicamente nos seguintes establecementos de diferentes parroquias: Casa Eladio (Galdo), A Curva (Xunqueira), Temple Bar (Covas), Cafetería 12 (Viveiro), Bar a Zapatería (Viveiro), Restaurante A Chabola (Lodeiro) e Café Bar Rolindes (Celeiro).

0.16565299034119