Viveiro presenta a súa nova orquestra, Trova da Mariña, cun concerto en Galdo

AMariñaXa
O concerto, organizado polo Concello de Viveiro e a Comunidade de Montes de Galdo, terá lugar na Escola Vella, e contará con 12 músicos de diversos ámbitos musicais
orquesta-Trova-da-Mariña
19 Feb 2025

O Concello de Viveiro e a Comunidade de Montes de Galdo organizan o concerto de presentación da orquestra Trova da Mariña, que terá lugar o venres 21 de febreiro ás 20:30 horas na Escola Vella de Galdo. Esta nova agrupación, pertencente á Asociación de Alumnado Adulto do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, Melomanía, está formada por 12 músicos de diferentes ámbitos musicais, como a desaparecida orquestra Variedades, a Banda de Música de Viveiro e profesores do propio conservatorio, todos dirixidos polo profesor Lino Rico.

O concerto contará coa participación de tres cantantes destacados: Mario Vale, presidente da Asociación Melomanía; Marga Insua, gañadora do Festival do Landro; e Lolo Castro, cantante profesional que traballou en orquestras como Trébol, Poceiro e Montes.

A orquestra Trova da Mariña ofrecerá un repertorio variado, no que se mesturan estilos de música española, latina, galega, pasodobres, cumbias e moito máis. A súa formación clásica inclúe dous saxos, dúas trompetas, un trombón, guitarra, baixo, batería, teclado e tres cantantes, co obxectivo de render homenaxe ás antigas orquestras de Viveiro.

Melomanía é unha asociación profundamente arraigada no Conservatorio de Música de Viveiro, que actualmente conta con 130 asociados que estudan diferentes especialidades instrumentais, ademais de lingua musical e coro.

0.17479205131531