Viveiro prepárase para un ‘Vermuteo’ con sabor a San Roque en Xunqueira

AMariñaXa
A Comisión Viveiro en Festas celebra unha xornada de música, comida e sorteos para recadar fondos antes das festas patronais
Viveiro-vermuteo-xunqueira-2025
1 Jul 2025

O campo da festa de Xunqueira acollerá o vindeiro sábado, 12 de xullo, unha nova actividade organizada pola Comisión Viveiro en Festas: un animado Vermuteo que combinará tradición e modernidade como acto final de recadación de fondos para as festas de San Roque, que se celebrarán do 14 ao 17 de agosto.

A xornada dará comezo ás 13:00 horas cunha sesión vermú pensada para todos os públicos, á que seguirá unha churrascada popular para xantar. A música continuará durante toda a tarde, acompañada de sorteos e diversas sorpresas, coa intención de prolongar a festa ata o solpor.

A iniciativa pretende reunir ás familias e á mocidade nun ambiente festivo e familiar. No recinto tamén se instalará un posto de merchandising no que se poderán adquirir produtos oficiais das festas como camisetas, tote bags e tazas conmemorativas.

Desde a Comisión destacan que “esta será a derradeira actividade antes das festas de San Roque” e lembran que un dos seus obxectivos principais era combinar tradición e renovación. Así, despois de eventos con fonda pegada na vila como a cea de Antroido ou o Día das Tortillas, chegan agora propostas máis actuais como esta, que fusiona o formato de sesión vermú coa tendencia do tardeo.

A organización convida a toda a veciñanza e visitantes a participar e desfrutar da xornada: “Queremos que todo o mundo se achegue a Xunqueira para pasar un día fantástico con música, churrasco, bo ambiente e moitas sorpresas”.

Por último, a Comisión quixo agradecer publicamente á Escola de Rugby Astérix de Viveiro a cesión do hórreo que fará posible a celebración deste evento.

⚙ Configurar cookies
0.15752196311951