Viveiro prepárase para acoller a 14ª edición da Camovi cun milleiro de participantes inscritos

Viveiro convértese esta fin de semana no epicentro do trail galego coa celebración da 14ª edición da Carreira por Montaña Montes de Viveiro (Camovi), unha cita consolidada no calendario deportivo que reunirá a preto de mil participantes os días sábado 26 e domingo 27 de abril.
A presentación oficial do evento tivo lugar este venres, coa participación de representantes da Agrupación Deportiva San Roque —organizadora da proba— e de distintas entidades que colaboran coa iniciativa. O acto contou tamén coa presenza do delegado territorial en Lugo, Javier Arias, quen destacou a alta participación e o nivel dos atletas inscritos. Ademais, subliñou a capacidade desta cita para atraer visitantes e dar a coñecer Viveiro como destino idóneo para a práctica deportiva ao aire libre e o goce do medio natural.
Este ano, a Camovi acollerá ademais o Campionato Galego Individual de Carreiras por Montaña, o que incrementa o interese e o prestixio da proba. O programa inclúe carreiras individuais de 42, 21, 18 e 10 quilómetros, adaptadas ás diferentes categorías: absoluta, promesa, júnior, xuvenil e cadete.
A organización tamén propón unha carreira de remudas sobre un percorrido de 42 quilómetros, así como a xa tradicional andaina ‘Ramón Blanco’, pensada para aquelas persoas que prefiren vivir a experiencia a un ritmo máis pausado. Coma nas edicións anteriores, non faltará a Camovi Kids, unha actividade pensada para introducir aos máis pequenos no mundo das carreiras por montaña e fomentar hábitos de vida saudables desde a infancia.
Dende a Agrupación Deportiva San Roque amosan a súa satisfacción polo crecemento sostido da proba e pola fidelidade dos corredores, que cada ano volven a Viveiro atraídos pola beleza das súas montañas, o ambiente deportivo e a calidade organizativa. A Camovi continúa a medrar en participación, variedade de modalidades e proxección, converténdose nun referente tanto a nivel galego como fóra das fronteiras da comunidade.