Viveiro prepárase fronte ás inundacións cun novo plan municipal de emerxencias

O Concello de Viveiro contará por fin cun Plan de Actuación Municipal (PAM) ante Inundacións, tras a aprobación do documento por parte da Xunta de Galicia. Trátase dunha ferramenta de protección civil deseñada para previr, actuar e recuperar ante situacións de risco por enchentes, un fenómeno que o municipio xa sufriu en varias ocasións nos últimos anos.
O plan, elaborado conforme á normativa estatal e autonómica, segue as directrices do INUNGAL —Plan Especial de Protección Civil ante o Risco de Inundacións en Galicia— e do Plan de Xestión do Risco de Inundación Galicia-Costa. Segundo informou o Concello, o seguinte paso será abrir un período de exposición pública e, de non presentarse alegacións, será levado a pleno para a súa aprobación definitiva nun prazo de vinte días.
O documento recolle unha análise pormenorizada do territorio viveirense, con especial atención ao comportamento da rede hidrográfica e, particularmente, do río Landro, un dos puntos máis vulnerables en episodios de fortes chuvias. Tamén identifica as áreas de risco potencial significativo de inundación (ARPSIs), detalla os procedementos de actuación en función da fase da emerxencia —prealerta, alerta, emerxencia ou normalización— e establece mecanismos de coordinación entre os distintos órganos implicados.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destacou a importancia deste instrumento: «É unha ferramenta fundamental para reforzar a capacidade de resposta ante un fenómeno que xa sufrimos no pasado e que require dunha planificación clara, eficaz e adaptada ao territorio». O plan define a estrutura organizativa que intervirá en caso de emerxencia, así como os centros de coordinación, os puntos de control e vixilancia, e os espazos habilitados para acollida da poboación en caso necesario.
Ademais da resposta inmediata, o PAM incorpora accións preventivas e formativas, incluíndo a formación específica para o persoal técnico e operativo, campañas de información á cidadanía e revisións periódicas do plan. Tamén se contempla a coordinación con outros plans de ámbito supramunicipal, co obxectivo de garantir unha resposta máis integrada e eficaz ante posibles eventos meteorolóxicos extremos.
A posta en marcha deste plan supón un paso importante na mellora da resiliencia do municipio fronte ás inundacións e contribúe a protexer tanto á poboación como aos bens e ao medio natural. Desde o Concello insisten na necesidade de continuar avanzando na planificación e prevención, especialmente nun contexto de cambio climático no que se prevé unha maior frecuencia e intensidade de fenómenos extremos.