Viveiro prepara unha cabalgata de Reis máis aberta e participativa

AMariñaXa
O Concello habilita 24 prazas destinadas a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, que acompañarán aos Reis Magos durante o desfile
cabalgata-viveiro2
23 Dec 2025

O Concello de Viveiro está a ultimar os preparativos da cabalgata de Reis do próximo 5 de xaneiro, que este ano presentará un formato máis aberto e participativo. Xunto ás tradicionais carrozas dos Reis Magos, a veciñanza poderá incorporarse tanto como figurante nas carrozas como participando no desfile a pé ao longo do percorrido.

Para a participación nas carrozas, o Concello habilita 24 prazas destinadas a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, que acompañarán aos Reis Magos durante o desfile. As prazas asignaranse por orde de inscrición, co obxectivo de garantir un procedemento organizado e seguro. O prazo para presentar solicitudes abrirá os días 26, 29 e 30 de decembro, en horario de 9.00 a 14.00 horas, podendo formalizarse no Teatro Pastor Díaz ou a través do correo electrónico cultura@viveiro.es
mediante o formulario correspondente. Unha vez cubertas as prazas, crearase unha listaxe de agarda para cubrir posibles baixas.

As persoas admitidas recibirán instrucións sobre o lugar e a hora de presentación o día da cabalgata, así como sobre o procedemento de recollida ao rematar o desfile. O Concello facilitará o vestiario exterior en réxime de préstamo, mentres que os participantes deberán acudir con roupa básica negra segundo as indicacións da organización.

Ademais, o Concello anima este ano á participación de grupos, asociacións, ANPAS e persoas a título individual, tanto adultas como menores, que desexen desfilar a pé, preferiblemente con disfraces ou vestimentas relacionadas co Nadal, para contribuír a crear unha cabalgata máis viva, próxima e representativa da veciñanza. As persoas ou colectivos interesados nesta modalidade deberán poñerse en contacto co Concello a través do teléfono 982 560 162 antes do 30 de decembro.

⚙ Configurar cookies
0.052462816238403