Viveiro prepara as V Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima
O Concello de Viveiro presentou as V Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima Cidade de Viveiro, que se celebrarán do 15 ao 19 de novembro e que este ano, de novo pola pandemia da Covid-19, serán outra vez totalmente online a través da plataforma Zoom.
Na presentación estiveron a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García; Jesús Fernández Fernández, 1º tenente de Alcalde e concelleiro do Mar, e Antón López, delegado para a zona noroeste de España da Federación Española de Actividades Subacuáticas (FEDAS).
“Igual que en anos anteriores, as xornadas abarcan varios proxectos de ámbito nacional e incluirán ademais ponencias centradas en Galicia, sobre o mar nos programas decorativos da Galicia romana e o pecio Viveiro I”, explica Jesús Fernández.
Dende o concello quérese agradecer o traballo e a colaboración do FEDAS, a través de Antón López, que foi e sigue sendo alma mater destas xornadas, tanto na coordinación como na organización, co apoio do Concello de Viveiro, a través da Concellaría do Mar. O concello agradece tamén o apoio da Deputación de Lugo e da UNED.
“Trátase dunhas xornadas totalmente consolidadas no panorama español”, asegurou a alcaldesa, María Loureiro, que agradeceu á organización “a suspensión das sesións do día 17, no que está convocada unha folga xeral na Mariña en defensa dos postos de traballo na comarca que o concello secundará”.
Uns días antes do inicio das xornadas, remitirase ao correo electrónico das persoas que se inscriban o enlace de Zoom para acceder ás sesións.