Viveiro pon en marcha “Viveiro Baila”, unha iniciativa para promover o lecer activo das persoas maiores

O Concello de Viveiro vén de presentar o programa “Viveiro Baila”, unha nova proposta de lecer pensada especificamente para as persoas maiores, coa que se busca reforzar a convivencia, mellorar o benestar emocional e fomentar a participación social a través da música e do baile.
As sesións desenvolveranse no salón de actos do Conservatorio de Viveiro e terán lugar sempre a partir das 19.00 horas, converténdose nun punto de encontro semanal no que a música en directo será a protagonista. A iniciativa arrincará o sábado 17 de xaneiro coa actuación do Dúo Dilema. A programación continuará o sábado 7 de febreiro, da man do Dúo Caramelo, e pecharase o sábado 7 de marzo cun baile amenizado polo Dúo Venus.
Desde o Concello destacan que “Viveiro Baila” nace coa intención de crear espazos accesibles e adaptados ás necesidades das persoas maiores, ofrecendo actividades que contribúan a un envellecemento activo e saudable. A música e o baile convértense así en ferramentas para combater o illamento, fortalecer as relacións sociais e dinamizar a vida comunitaria.
Con esta iniciativa, Viveiro reafirma o seu compromiso cunha programación inclusiva, que aposta por unha vida social activa en todas as etapas da vida e pon en valor o papel das persoas maiores na dinámica cultural e social do municipio.