Viveiro pon en marcha un servizo de apoio psicolóxico vía telefónica
O Concello de Viveiro pon a disposición das persoas que o necesiten un servizo de apoio psicolóxico vía telefónica durante a actual situación de confinamento.
A iniciativa vai dirixida fundamentalmente ás persoas que viven soas ou que se atopen nunha situación vulnerable a nivel de saúde e que, ante a emerxencia do COVID-19, teñan problemas de estrés ou ansiedade.
Este servizo será atendido pola psicóloga do Centro de Información á Muller do Concello de Viveiro, a través do número de teléfono 625 062246.
“Estamos nunha situación moi complicada e hai persoas que non teñen un apoio familiar no concello, polo que temos que prestarlles este novo servizo”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.
A Cruz Vermella tamén colabora con este servizo e habilita outro número de teléfono, o 982 562200, para a atención por parte dun psicólogo da entidade.