Viveiro podería optar á reforma da Praza de Abastos no 2025
A Concellería de Comercio de Viveiro mantivo unha xuntanza co Director Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro, para continuar co proxecto de revitalización da Praza de Abastos. O encontro centrouse na solicitude de varias liñas de axuda da Xunta, co obxectivo de que a Praza de Abastos obteña o selo da rede de Mercados Excelentes. A concelleira de Comercio, Iria Cotelo, destacou a importancia da visita para promover o comercio local e mellorar o dinamismo do mercado.
Entre os orzamentos presentados, inclúense 12.100 euros para unha diagnose sobre a situación e usos do mercado, 2.400 euros para a formación das praceiras, e 9.680 euros para un anteproxecto de reforma da praza, unha novidade nesta convocatoria. O total ascende a 24.180 euros, dos cales a Xunta financiaría o 80 % e o Concello de Viveiro o 20 % restante. A pesar de que a resolución das axudas está pendente, o Concello xa está a traballar na diagnose cunha proposta de gasto de 14.000 euros emitida en xaneiro.
Segundo Cotelo, este traballo permitirá que Viveiro poida optar á reforma da praza en 2025. A concelleira tamén subliñou a importancia de atopar un formato áxil e con seguridade xurídica para ocupar os postos baleiros, un proceso que está a ralentizarse pola súa complexidade.