Viveiro pide civismo ante os actos vandálicos que degradan o Paseo do Río Landro

O emblemático Paseo Fluvial do Río Landro, unha das zonas máis frecuentadas e valoradas de Viveiro tanto por veciñanza como por visitantes, está a sufrir un progresivo deterioro nas últimas semanas. Así o advertiu o Concello, que alertou dun repunte nos actos vandálicos que se suman ao desgaste natural da infraestrutura, especialmente nos tramos de madeira da pasarela.
Desde o Goberno local fan un chamamento ao respecto dos espazos comúns e á colaboración cidadá para preservar un lugar que forma parte do patrimonio natural e urbano de Viveiro. “Apelamos á responsabilidade individual e colectiva para evitar danos que, ao final, prexudican a toda a comunidade”, indican fontes municipais.
O executivo municipal está a traballar na estimación económica necesaria para acometer a reposición dos elementos afectados e garantir a seguridade das persoas usuarias. Por agora, xa se consignou unha partida de 25.000 euros para o mantemento anual do paseo no orzamento de 2024, pero a recente aparición de danos provocados intencionadamente obrigará a destinar recursos adicionais.
En relación coa posibilidade dunha renovación integral da pasarela de madeira, desde o Concello aclaran que o anterior equipo de Goberno mencionou supostas negociacións co Servizo Provincial de Costas. Porén, actualmente non consta documentación oficial nin avances concretos en relación con ese proxecto.
O Paseo do Río Landro, que discorre por unha contorna privilexiada e de gran valor ecolóxico, é tamén un espazo para o lecer, o deporte e o encontro social. O seu estado de conservación resulta fundamental non só para o benestar da veciñanza, senón tamén como atractivo turístico do municipio. Por iso, desde o Concello insístese en que a protección deste enclave require do compromiso de todos e todas.