Viveiro organiza un concerto benéfico a favor da loita contra o cancro
Viveiro acollerá, no Teatro Pastor Díaz, un concerto contra o cancro organizado conxuntamente coa Asociación Española contra o Cancro de Viveiro, o Conservatorio Profesional de Música de Viveiro e a asociación de adultos do conservatorio Melomanía. Terá lugar o sábado, día 4 de maio, ás 20.30. As entradas custarán 6 euros, e poderán ser adquiridas de xeito anticipado a través de internet, ou no propio teatro unha hora antes do evento.
A presentación do evento contou coa participación da presidenta da AECC en Viveiro, María Rolle, o presidente de Melomanía, Mario Vale, e o director do conservatorio Antonio José Álvarez Neira. Por parte do Concello acudiron a alcaldesa María Loureiro, a tenenta de alcaldesa Míriam Bermúdez e a concelleira de Benestar Social, Catalina Fernández Méndez.
A alcaldesa agradeceu “o extraordinario labor que realiza a Asociación Española Contra o Cancro no municipio, que se plasma en iniciativas tan interesantes e necesarias como esta”. Desde a Alcaldía fixéronse as xestións necesarias para que a Asociación contra o Cancro de Viveiro contase cun local na Casa do Mar de Celeiro. No concerto van participar os grupos vinculados á asociación de adultos do conservatorio Jamape, Brétema Band e Diavolinos, e máis Golpe de Efecto e Los Jueves por parte do propio conservatorio.