Viveiro organiza actividades para respaldar a oficialización do Camiño do Mar
O Concello de Viveiro traballa dende hai anos a prol da oficialización do Camiño do Mar, xa que considera que acadar a oficialidade é de vital importancia para toda a comarca, ao tratarse dun novo recurso turístico que redundaría positivamente no turismo e economía da zona.
No marco deste labor de promoción da ruta, o goberno local acaba de poñer en marcha nos centros de educación infantil e primaria do municipio a actividade Descubrindo o Camiño do Mar. A iniciativa usará a ruta como ferramenta de aprendizaxe sostible e ademais incluirá a cartelería elaborada polo alumnado do CEIP Lois Tobío.
Alén desta nova actividade centrada nos centros educativos, o Concello de Viveiro desenvolveu numerosas iniciativas sobre este roteiro. Entre elas, está a ruta Navega el Camino, que este ano celebra a súa sexta edición, na que Viveiro participa dende os seus inicios.
Navega el Camino é un encontro que combina a tradición, a cultura e a gastronomía co deportivo e que ten como obxectivo impulsar a navegación a vela como unha forma de facer o Camiño de Santiago.
Outra das iniciativas mediante a que se está impulsando o Camiño do Mar é no traballo cos colexios, sobre este tema, a través da concellaría de Educación.
Neste sentido, o goberno local está impulsando a oficialización e colaborando coas actividades desenvoltas polos centros educativos, como é o caso do CEIP Lois Tobío, a través da cartelería creada polo colexio.
O Concello de Viveiro desexa contribuír a visibilizar todo o traballo que están a desenvolver durante este curso escolar os colexios sobre a ruta no programa de Voz Natura deste curso escolar, adicado aos camiños de Santiago con motivo do ano Xacobeo.
Na mesma liña, o Concello de Viveiro acaba de poñer en marcha nos centros de educación infantil e primaria do municipio a actividade Descubrindo o Camiño do Mar.
Este programa, que se desenvolverá nas vindeiras catro semanas, está dirixido ao alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º curso de Educación Primaria dos colexios: EEI San Roque, CEIP de Celeiro, CEIP Lois Tobío, Colexio Landro, CEIP de Covas e CEIP Santa Rita de Galdo .
A actividade ten como eixo a utilización do Camiño do Mar como ferramenta de aprendizaxe sostible co obxectivo de difundir o Camiño do Mar entre a poboación. Deste modo, promóvese a sensibilización e concienciación ambiental e cultural da comunidade educativa, así como a promoción da conservación do patrimonio material natural e inmaterial.
Arredor do Paseo polo Camiño do Mar, as nenas e nenos traballan aspectos como a importancia da biodiversidade do noso entorno, a necesidade do seu coidado e de manter os entornos naturais limpos, así como o coñecemento e a posta en valor da nosa contorna.
Finalmente, dende o Concello de Viveiro agradécese ao CEIP Lois Tobío e aos docentes do centro polo traballo realizado para a creación da cartelería, trípticos e pegatinas que contribúen a difundir o Camiño do Mar.