Viveiro, municipio elixido para celebrar a Xeolodía cunha ruta na contorna da Silvarosa
A Tenencia de Alcaldía de Viveiro, a través da Concellería de Medio Rural, colabora coa Cámara Oficial Mineira de Galicia na organización dunha andaina na contorna da Silvarosa para conmemorar o Xeolodía, un evento impulsado pola Sociedad Geológica de España. Esta excursión xeolóxica terá lugar o día 11 de maio. Esta efeméride ten lugar cada ano na segunda fin de semana de maio.
O concelleiro de Medio Rural, Juan Ramón Martínez Castro, sinala que “é unha honra que Viveiro fose o municipio elixido para a celebración do Xeolodía na nosa provincia por parte da organización, que pon en valor deste xeito o noso gran patrimonio natural e mineiro”. A excursión, baixo o título “Do ferro Ordovícico ás Minas da Silvarosa: o patrimonio xeomineiro de Viveiro”, será gratuíta con prazas limitadas, polo que será necesario realizar a inscrición a través do teléfono 635 559 698 en horario de oficina ou no enderezo web https://geolodia.es/geolodia-2024/lugo-2024/
Debido ao alto número de inscricións en edicións anteriores, decidiuse organizar dúas quendas da actividade, unha ás 10.00 e outra ás 16.00, cunha duración estimada de 4 horas cada unha, nas que se explicará e poñerá en valor a historia destas minas de ferro e a orixe do mineral. O xeolodía é un evento anual de divulgación xeolóxica coordinado pola Sociedade Xeolóxica de España coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, así como de varias decenas de institucións e empresas máis.
A cita ofrece percorridos xeolóxicos gratuítos e abertos a todos os públicos en cada unha das 50 provincias españolas, ademais de diversas actividades virtuais, como vídeo-roteiros xeolóxicos, Xeocharlas e ata un videoxogo. A andaina que se celebrará en Viveiro, e que conta tamén co apoio da Comunidade de Montes de Viveiro, será a actividade escollida para celebrar o Xeolodía na provincia de Lugo.
Para complementar este evento, a Cámara Oficial Mineira de Galicia organiza, na mañá do día 21 de maio, a actividade “O meu primeiro Xeolodía: as minas da Silvarosa, unha viaxe ao pasado”. A iniciativa incluirá unha visita interpretada ás instalacións e a realización de talleres prácticos con estudantes de 6º de primaria dos catro colexios de Viveiro. Para máis información pódese contactar coa organización nos correos oficina.tecnica@camaraminera.org e comunicacion@sociedadgeologica.org