Viveiro mobilízase pola sanidade pública con máis de cinco mil sinaturas

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña convoca a veciños e veciñas de Viveiro e doutros municipios da comarca a un acto reivindicativo que terá lugar o xoves 15 de xaneiro diante do Centro de Saúde de Viveiro. O obxectivo principal é facer entrega ao Conselleiro de Sanidade de máis de cinco mil sinaturas recollidas desde o 18 de setembro, que solicitan a cobertura estable de todas as ausencias en medicina de familia e pediatría, todos os días da semana e durante a quenda completa.
O centro de saúde de Viveiro sofre desde hai anos unha notable carencia de facultativos, chegando en moitas ocasións a funcionar con apenas dous ou tres dos once médicos de familia que integran o seu cadro de persoal. Esta situación provoca agardas de máis de quince días para consultas ou renovación de receitas, chegando nalgúns casos a trinta e seis días. En pediatría, o servizo funciona habitualmente ao cincuenta por cento da súa capacidade, coas atencións asumidas por un único profesional para toda a poboación infantil.
O acto comezará ás 11 horas diante do centro de saúde, desde onde se iniciará unha marcha a pé ata a Delegación da Xunta en Celeiro, onde se entregarán formalmente as sinaturas. Posteriormente, celebrarase unha concentración diante do edificio, continuidade das mobilizacións que a plataforma mantén dende hai oito meses. Samuel Fernández Bouza, integrante da plataforma, anima á cidadanía a acudir, especialmente con camisetas co lema “Pola Resurrección da Nosa Sanidade”.