Viveiro mobilízase pola precariedade do seu Centro de Saúde

AMariñaXa
Veciños e colectivos concentraranse na Praza Maior para reclamar máis profesionais e mellores recursos sanitarios
Manifestacion-Viveiro-sanidade-maio-2025
1 Oct 2025

Veciños e veciñas de Viveiro darán este xoves un paso máis nas protestas pola situación crítica do seu Centro de Saúde. Ás 11:30 horas concentraranse na Praza Maior, diante do Concello, nun acto convocado pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña xunto con diversos colectivos locais. O obxectivo desta mobilización é visibilizar a falta de facultativos e profesionais e esixir solucións á Consellería de Sanidade.

A recollida de sinaturas para trasladar a queixa ao Conselleiro avanza a bo ritmo, e este xoves os colectivos continuarán ampliando esta petición cidadá. Ademais, os organizadores distribuirán dípticos actualizados que denuncian as “mentiras do PP”, dado que durante o verán afirmaron que a atención sanitaria estaba garantida, algo que a realidade desmentiu rotundamente.

O actual goberno municipal, segundo sinalan os convocantes, deu “as costas ao pobo de Viveiro” desde o comezo. A Plataforma lembra que a vila xa saíu masivamente ás rúas no mes de marzo, e que as concentracións diante do centro de saúde continúan de maneira periódica desde entón. “Diante do problema sanitario de primeira orde que sofre Viveiro e os centros das localidades veciñas, o novo goberno do PP decidiu desde o primeiro momento dar as costas ás veciñas e veciños”, explican.

O cambio de ubicación da concentración, desde o propio centro de saúde ata a Praza do Concello, responde a varias razóns. Samuel Bouza e Montse Porteiro destacan que a iniciativa pretende “levar as mobilizacións aos lugares onde se desenvolve a vida e a actividade das vilas”, así como responder á demanda da cidadanía para que os gobernantes se involucren de xeito activo. “O pobo de Viveiro esixe cobertura total de profesionais no centro de saúde e que os responsables demostren con feitos que están do lado das veciñas e veciños”, sinalan.

Con esta nova localización, os organizadores buscan dar máis visibilidade á problemática, ao tempo que subliñan a urxencia dunha resposta por parte das administracións para garantir un servizo sanitario digno e suficiente para toda a poboación. A concentración pretende, ademais, reforzar a presión cidadá e visibilizar que a atención primaria é un servizo esencial que non pode seguir sufrindo recortes nin carencias de persoal.

⚙ Configurar cookies
0.079420804977417