Viveiro mobilízase para denunciar a situación do centro de saúde e entregar preto de 6.000 sinaturas á Xunta

O deputado do BNG no Parlamento Galego, Daniel Castro, e a portavoz municipal da formación en Viveiro, Iria Cotelo, participaron este martes na concentración e na andaina que percorreu o traxecto entre o Centro de Saúde de Viveiro e a Xefatura Territorial da Consellería do Mar. A mobilización, convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, serviu para facer entrega de preto de 6.000 sinaturas dirixidas ao conselleiro de Sanidade nas que se denuncia a grave situación asistencial que atravesa o centro de saúde viveirense.
Segundo explicaron os convocantes, esta problemática non afecta unicamente á poboación de Viveiro, senón tamén aos concellos de Ourol e O Vicedo, ao dependeren todos eles do Punto de Atención Continuada (PAC) situado nesta localidade, que continúa a funcionar baixo mínimos de persoal.
A portavoz do BNG en Viveiro, Iria Cotelo, advertiu de que a situación de precariedade “prolóngase no tempo” sen que a Xunta ofreza solucións estruturais. Ao seu xuízo, o Goberno galego limítase a realizar anuncios puntuais e medidas temporais que non resolven o fondo do problema. Cotelo subliñou que “non é de recibo” que o centro de saúde da poboación máis grande da Mariña e a terceira da provincia conte con só catro ou cinco médicos cando lle corresponderían once, sendo ademais a cabeceira do PAC ao que se derivan pacientes doutros municipios da contorna.
A portavoz municipal tamén denunciou o que cualificou como un trato discriminatorio do Partido Popular cara a Viveiro en materia de servizos públicos, facendo referencia a outras situacións que afectan á vila, como os problemas no CEIP de Covas ou o recente anuncio do trazado da variante, que considerou unha falta de respecto á veciñanza.
Pola súa banda, o deputado Daniel Castro puxo o foco na política sanitaria da Xunta e lembrou as iniciativas presentadas polo BNG no Parlamento galego para reclamar solucións á situación da atención primaria. Segundo indicou, o PP rexeitou estas propostas e optou por xustificar unha realidade que, ao seu entender, resulta inxustificable. Castro asegurou que o Goberno autonómico está a acelerar o proceso de desmantelamento da atención primaria, falseando listas de espera e favorecendo a sanidade privada mediante a derivación de pacientes desde os hospitais públicos.
Desde o BNG conclúen que esta dinámica está a prexudicar gravemente á maior parte da poboación, á que se lle impoñen cada vez máis dificultades para acceder a unha atención sanitaria pública, tanto nos centros de saúde como nos hospitais.