Viveiro mellorará a avenida de Santiago cunha renovación integral

O Concello de Viveiro levará a cabo a reposición do pavimento e dos servizos urbanos na avenida de Santiago, no barrio do Conexo, dentro da parroquia de Covas. A obra, financiada a través do Plan Único da Deputación de Lugo, contará cun orzamento de 189.261,61 euros e permitirá renovar unha das principais vías de acceso a varios núcleos de poboación.
Debido á antigüidade da vía e ao elevado tráfico que soporta, tanto o firme de rodadura como os servizos urbanos presentan un notable deterioro. O proxecto contempla a mellora da rede de saneamento, a instalación dunha nova rede de abastecemento e a renovación da sinalización viaria.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destacou a importancia desta intervención: “Esta actuación evitará as continuas reparacións que foron necesarias ata o momento nesta zona, garantindo un bo servizo e funcionamento para os veciños”.