Viveiro mantén os abonos reducidos para o Resurrection Fest 2026 para a veciñanza censada

O Concello de Viveiro volverá ofrecer, un ano máis, abonos a prezo reducido para o Resurrection Fest 2026 ás persoas inscritas no padrón municipal. Esta iniciativa, consolidada grazas á colaboración entre o Concello e a promotora Bring The Noise, mantense tamén na que anuncian como “a edición máis ambiciosa e multitudinaria do festival”.
Os abonos –tanto o normal como o Pandemonium– poderán adquirirse desde o 2 de novembro, todos os venres, en horario de 9:00 a 11:00 e de 12:00 a 14:00, na primeira planta dos Claustros de San Francisco.
Para acceder a estes prezos reducidos será necesario seguir un procedemento sinxelo. En primeiro lugar, as persoas interesadas deberán escanear o código QR dispoñible na oficina dos Claustros. Ese código enlaza cun formulario no que deberán introducir os datos persoais necesarios, como o nome, os apelidos, o DNI ou o correo electrónico.
Unha vez enviado o formulario, o persoal municipal comprobará no momento tanto a información facilitada como o DNI e a inscrición no censo de Viveiro. Cando estes datos queden verificados, poderase realizar o pago do abono escollido –normal ou Pandemonium–, que deberá efectuarse obrigatoriamente mediante tarxeta bancaria.
Tras completar o pago, a persoa encargada rexistrará o nome e o DNI do comprador na propia entrada e entregaralla no acto, sen ter que agardar ningún prazo adicional.
O Concello lembra que os abonos son persoais e intransferibles: só poderán empregalos as persoas que figuren no padrón municipal e non se permite a súa cesión a terceiros. Ademais, cada persoa só poderá adquirir un único abono.