Viveiro mantén controlada a poboación de gaivotas patiamarelas tras a última campaña municipal

O Concello de Viveiro vén de pechar con resultados positivos a campaña anual de control da gaivota patiamarela (Larus michahellis), que se desenvolveu entre o 2 de maio e o 29 de xullo de 2025. A actuación, levada a cabo pola empresa especializada Larus Control S.L.N.E., tiña como finalidade limitar a expansión desta especie nas zonas urbanas de Viveiro, Celeiro e Covas, e minimizar as molestias que provoca durante a tempada de cría.
Segundo o informe técnico emitido pola empresa, estimouse unha poboación reprodutora de arredor de 115 parellas —55 en Viveiro, 40 en Celeiro e 20 en Covas—, das cales se detectaron 74. Esta cifra confirma unha tendencia de estabilidade con respecto aos últimos anos, o que evidencia a eficacia das medidas de control aplicadas polo Concello.
Durante os meses de traballo, foron retirados un total de 93 niños e 189 ovos, ademais de localizarse 30 pitos nas cubertas revisadas. O servizo, que é gratuíto para a veciñanza, centrouse na retirada preventiva dos niños e ovos antes da eclosión, garantindo un tratamento respectuoso co medio ambiente: o material biodegradable destinouse a compostaxe, mentres que os ovos foron xestionados por unha empresa autorizada.
A atención cidadá canalizou 30 reclamacións relacionadas coa presenza de gaivotas, todas elas resoltas directamente pola empresa encargada. En total, realizáronse 95 visitas a inmobles, con acceso a 62 direccións e revisión dun total de 150 tellados, o que permitiu un control exhaustivo da poboación nos puntos máis habituais de aniñamento.
O informe final conclúe que as molestias xeradas pola especie diminuíron notablemente e que a poboación de gaivota patiamarela se mantén controlada dentro dos límites desexables. Con todo, o documento tamén sinala que as intervencións resultaron máis complexas en edificacións ruinosas ou deshabitadas, onde o acceso é máis difícil.
Dende o Concello destacan que esta campaña forma parte dun plan continuado de control e convivencia coa fauna urbana, que busca un equilibrio entre a protección ambiental e o benestar veciñal.