Viveiro mantén a presión pola sanidade: nova concentración para esixir un cadro médico completo no centro de saúde

AMariñaXa
A veciñanza reclama cubrir todas as prazas de medicina de familia, pediatría e enfermaría ante o risco dun “colapso sanitario” a partir de xaneiro
Viveiro manifestacion sanidade decembro 2025
4 Dec 2025

A praza do Concello de Viveiro volveu encherse esta mañá, ás 11:30 horas, dunha veciñanza que, malia a intensa chuvia, mantén firme a súa reivindicación: dotar o centro de saúde dun persoal médico completo, estable e con todas as prazas cubertas. A convocatoria, que se repite cada quince días desde hai sete meses, congregou de novo a numerosos viveirenses decididos a continuar coa mobilización até que se poña fin á actual situación sanitaria.

As persoas asistentes reclamaron, unha vez máis, a cobertura do 100 % das prazas de medicina de familia e de pediatría, así como a substitución inmediata de todas as baixas e ausencias do persoal de enfermaría. Lembran que a falta de profesionais provoca demoras, sobrecarga asistencial e unha atención sanitaria que xa consideran “insostible”.

A coordinadora do colectivo convocante, Montse Porteiro, advertiu dun escenario especialmente preocupante tras a finalización do concurso de traslados deste ano. “Dúas médicas marchan e ninguén solicitou esas prazas, polo que quedarán vacantes. Isto pode supoñer un auténtico caos sanitario a partir de xaneiro”, explicou. Porteiro alertou de que esta situación coincide ademais cun aumento da presión asistencial motivada pola epidemia de gripe, que se atopa a piques de acadar o seu primeiro pico e adoita repuntar de novo no mes de xaneiro.

“Se non hai unha planificación previa e non se adoptan medidas urxentes, estas dúas facultativas menos, sumadas ao déficit estrutural de profesionais que xa arrastra o centro de saúde de Viveiro, derivarán no absoluto colapso sanitario na cidade”, concluíu.

A mobilización, segundo anuncian, continuará nas próximas semanas co mesmo obxectivo: garantir unha atención digna e segura para toda a poboación viveirense.

⚙ Configurar cookies
0.097927093505859