Viveiro levanta as restricións ao uso da auga tras recuperar a calidade sanitaria

O Concello de Viveiro anunciou o levantamento das limitacións ao uso da auga da rede municipal de abastecemento, que estiveron vixentes desde o pasado 7 de xuño por precaución sanitaria. A medida foi revogada tras comprobar que os controis realizados nos depósitos e nos distintos puntos da rede certifican que a auga cumpre cos criterios técnico-sanitarios establecidos pola normativa estatal.
Segundo informa o goberno local, as últimas analíticas confirman que a calidade da auga responde aos estándares fixados no Real Decreto 3/2023, que regula os parámetros que debe cumprir a auga destinada ao consumo humano. Con estes resultados favorables, restableceuse a subministración habitual desde a captación no río Landro.
Desde o Concello sinalan que a seguridade sanitaria está garantida e aproveitan para trasladar o seu agradecemento á veciñanza de Viveiro pola comprensión, o apoio e a prudencia amosada durante os días nos que estiveron en vigor as restricións.