Viveiro leva a música ás parroquias coa colaboración do Conservatorio

O Concello de Viveiro, en colaboración co Conservatorio Profesional de Música, pon en marcha un novo proxecto cultural que busca levar a música a todos os recunchos do municipio. A iniciativa pretende dar maior visibilidade ás agrupacións e formacións do conservatorio, ao tempo que dinamiza a vida social e cultural das parroquias.
A primeira actuación celebrarase o xoves 13 de novembro na Casa do Forno de Celeiro, onde se presentará oficialmente o programa cun concerto aberto ao público. A partir de aí, os recitais continuarán en distintos puntos de Viveiro, convertendo os centros sociais e culturais en pequenos escenarios para o talento local.
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, salientou que esta colaboración “permitirá descentralizar a oferta cultural e achegar a música ás parroquias, para que todas se sintan parte activa da vida do concello”. Engadiu que “o obxectivo é poñer en valor o traballo do conservatorio e ofrecer á veciñanza oportunidades para gozar da música en directo”.
Tanto o Concello como o Conservatorio destacan que o proxecto combina formación, divulgación e participación cidadá, consolidando a música como un elemento de unión e convivencia interxeracional.